viernes, 9 de mayo de 2008

Os actos das Letras Galegas en Vigo

O concello presentou as actividades que recordan a Xosé María Álvarez Blázquez.

Unha aposta pola cultura, a literatura e a arte foi o que onte reivindicou Santi Domínguez, tenente de alcalde, na presentación dos actos de celebración do Día das Letras Galegas na cidade. "Acabáronse os tempos de indefinición. Temos que ser respetuosos e apostar polos valores propios", matizou.

Carreiras pola lingua, espectáculos nas rúas, lecturas de versos de Álvarez Blázquez, actuacións musicais e un xantar popular no parque de Castrelos constitúen parte dos actos da próxima semana en Vigo. "Centrámonos nos valores da cultura, o deporte, a gastronomía e a música para que estas actividades sexan un eixo transversal", sinalou Santi Domínguez, para quen o Día das Letras Galegas "é un impulso engadido ao ser adicada a un autor que podemos considerar vigués e crea un maior estímulo para traballar a prol da lingua, a cultura e a historia de Galicia", engadiu.

Neste sentido, Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística, sinalou que o Día das Letras Galegas "non é só unha data festiva", senón tamén "unhas xornadas que se celebran en conxunto na rúa para dar a coñecer a figura de Xosé María Álvarez Blázquez".

A concelleira nacionalista explicou a programación do concello de Vigo para o Día das Letras Galegas e resaltou a ruta "Camiña e coñece, o camiño das letras", unha visita de lugares relacionados coa cultura e a historia galegas "descoñecidos pola cidadanía", sinalou. Así, ensinarase onde se publicou o primeiro libro de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, onde viviu o primeiro tradutor do grego antigo ao galego da "Ilíada", entre outros lugares que cambiaron o devir da lingua e a cultura galega.
"Con estas actividades queremos que os nenos e nenas coñezan o significado las Letras Galegas e recordar que había voces que se erguían en tempos escuros para defender a nosa terra", declarou Santi Domínguez.

Así, o primeiro acto programado polo concello será o xa popular "Correlingua 2008", no que centos de rapaces percorrerán as rúas de Vigo en prol da lingua". Na víspera do Día das Letras Galegas, as rúas da cidade contarán con espectáculos de teatro e literatura musical.

O sábado 17 de maio, despois da ruta "Camiña e coñece, o camiño das letras", o concello organiza o chamado "Xantar-romaría das Letras", que terá como sobremesa diversas actuacións de grupos de gaitas e xogos populares para os máis pequenos.
Ese mesmo día inaugurarase a nova exposición do museo Quiñones de León, chamada "Xosé María Álvarez Blázquez, arqueólogo de Vigo", e que ofrecerá visitas guiadas en grupos.

Pechará os actos a conferencia de Pilar Barciela "O arqueólogo: Xosé María Álvarez Blázquez, buscador de tesouros", na Casa Galega da Cultura o próximo 20 de maio.
Na presentación tamén estiveron presentes Xesús López, concelleiro de Cultura, e Xabier Alonso, concelleiro de Deporte.

CALENDARIO

Romaría no parque de Castrelos o sábado, 17

- Mércores 14 de maio. Carreira popular "Correlingua 2008" polas rúas da cidade.
- Venres 16 de maio. Títeres en acción con "Trastos vellos", na Asociación de Veciños Cultural e Deportiva de Lavadores. Espectáculo literario-musical a cargo de Anxo Angueira "Fóra do sagrado", na praza da Constitución.
- Sábado 17 de maio. Ruta "Camiña e coñece, o camiño das letras", un percorrido de 3 horas polas rúas da cidade.
No Calvario, praza da Independencia e no Farol entre Príncipe e Colón recital "Eu tamén quero, eu tamén leo".
No Verbum, "Lectura-gravación" de versos de Álvarez Blánquez.
"Obradoiros" para nenos e nenas que achegan a figura de Álvarez Blázquez a través de diferentes xogos, no Verbum.
"Xantar-romaría das Letras", no parque de Castrelos.
"A festa", tras o xantar, contará con xogos tradicionais e música, como os grupos Zurrumalla, Na Virada e A Loco Motora, de Eva e Cecilia. Tamén se celebrará en Castrelos.
Inauguración da exposición "Xosé María Álvarez Blázquez, arqueólogo de Vigo", no museo Quiñones de León.
Teatro, "Trastos vellos", en Coruxo, e "Parella aberta", en Coia.
- Domingo 18 de maio. Proxección do filme "O concursante", nos cines Yelmo-Cineplex.
- Martes 20 de maio. Conferencia de pilar Barciela na Casa Galega da Cultura.

No hay comentarios: