domingo, 20 de abril de 2008

Cultura para todos/as. Un camiño a seguir

Santiago Domínguez Olveira
Concelleiro Concello de Vigo


Moito se ten falado e conceptualizado en torno ao que se debe entender por cultura, en torno ao que realmente significa unha liña cultural clara ou simplemente sobre que as tendencias culturais se deben incorporar á cultura "chamada contemporánea".

Non vai ser ningunha desas a miña intención á hora de redactar este artigo que tan xentilmente me ofrece esta revista, (que se vai consolidar sen dúbida como unha importante publicación na nosa cidade), senón que tratarei de enmarcar unhas modestas reflexións sobre o que entendo debe ser unha política cultural que pretenda achegarse a todos/as e que pretenda integrar a gran maioría das manifestacións culturais que se dan.

En primeiro lugar débese ter claro que "culturizar" a poboación non debe significar nunca a transmisión "por embudo" dunha serie de coñecementos, estratexias, ou directrices tendentes a crear conciencians interesadas ou dirixibles polos propios poderes de opinión.
Unha persoa culta non é a que ten moitos coñecementos, senón a que mellor sabe adaptarse ás realidades que se lle presentan.

Deste xeito todo o traballo cultural terá que encamiñarse a que as persoas integren a súa propia historia, o seu propio ser e actuar no conxunto da sociedade para enriquecela e potenciala.
p Cultura para todos/as significa que non podemos contentarnos só con ofertar unha serie de actividades ou con ser meros receptores de demandas "a carta", senón que os nosos esforzos tenderán a ser xeradores das propias potencialidades artísticas, musicais, literarias, etc. que as propias persoas levan dentro.

Se queremos unha sociedade máis culta, informada e sobre todo integrada, temos ineludiblemente que centrarnos dende os inicios desa sociedade, é dicir, os nenos/as e o seu entorno máis próximo: os centros de ensino; se eu quero que miña filla escoite un concerto cando teña 14 ou 16 anos terei que expicarlle dende moi pequena que é a música; terei que espertarlle o gusto e a sensibilidade, dun xeito lúdico e non presionante; se quero que un adolescente visite o museo terei que inculcarlle desde neno qué significa o diálogo artista-espectador; terei que descubrirlle o mundo da cor, da expresión artística, etc... . Se queremos que os mozos/as se acheguen á lectura, primeiro terei que falar dos personaxes, do mundo da fantasía e do que pode descubrir nese mundo, e non empezar por "obrigarlle a ler".

En definitiva, sabemos que VIGO segue sendo unha cidade pouco vertebrada onde aínda a sociedade non se recoñece participe e protagonista do seu pasado, presente e futuro. Un bo paso para superar esta desvertebración sería sen dúbida crear un espacio cultural común onde se camiñará cara a un horizonte de integración e onde as realizacións culturais foran froito do esforzo e da creatividade colectiva; foran froito da enerxía e da potencialidade creadora da nosa cidade. Só así poderiamos empezar a falar dunha cultura e dunha cidade para todos e todas

No hay comentarios: