domingo, 20 de abril de 2008

A necesidade dun cambio cultural na atención á mocidade

Antonio Montero Carro
Xerente do Consello da Cultura Galega

Dende hai unha década temos a xuventude mellor preparada dos últimos cen anos e, sen embargo, non facemos máis que alporizarnos polo seu comportamento. Queixámonos do «botellón», dos estragos no mobiliario urbano, das súas festas, da falta de atención ós maiores, das liortas entre eles, da velocidade á que conducen e, mesmo, da súa forma de vestir.

Temos que pensar no que estamos a facer con esta xeración e reflexionar en se cómpre acometer un cambio cultural. Temos que solicitarlle á sociedade civil un cambio de estratexia, demostrando que esta xeración da que estamos a falar posúe unha gran formación universitaria e temos a obriga de buscar unha fórmula intelixente que nos permita aproveitar as súas potencialidades que, estou seguro, son moitas e moi variadas. Propoño, con tal fin, que se creen Centros de Emprendedores Culturais, onde se tutelen dende os entes públicos unha serie de centros dedicados á xestión de proxectos culturais de contido variado propostos e executados por xente nova, sen intervir de ningún outro xeito que non sexa o meramente organizativo ou de darlles soporte de infraestructura. Trátase fundamentalmente de crear cultura activa: os xoves propoñerán a creación de grupos de teatro, de danza ou de jazz e poñerán en escena o seu traballo; logo dun tempo, e se as iniciativas acadan un formato máis empresarial e son rendibles, serían eles os encargados de desenvolvelas.

Debemos crer nesta mocidade á que lle toca vivir nun mundo cambiante, e na que a sociedade ten investidos moitos cartos na súa formación e non merece ser abandonada a un mundo cruel que cada día se fai máis agresivo e vai abandonando as súas tradicións culturais. Os nosos dirixentes teñen que estimular culturalmente esta xuventude, con capacidade para formar unha conciencia crítica e unha nova ética capaz de manter unha diversidade cultural e multirracial, que lles permita facer posible unha convivencia máis humana e acadar unha conciencia cidadá.

Faise necesario, polo tanto, abrir novas vías de creación máis aló do que pode entenderse como un producto mercantilista, xa que hai moita confusión entre o mundo cultural e os grandes negocios do entretemento de masas. Pretendemos priorizar a creación e estimular a participación. Se finalmente se logra un producto comercial, pois moito mellor.

Un Centro de Emprendedores Culturais pode ser posto en marcha en calquera lugar, mesmo nun colexio, nunha casa, nun vello almacén ou na casa de cultura; pero debe ter independencia para que a xuventude se achegue sen necesidade de depender dos maiores. Os mozos e mozas teñen que aprender a asumir a súa responsabilidade e teñen que saber xestionarse e organizarse.

Como exemplos de proxectos que se poderían levar a cabo, pódense mencionar desde talleres de artes escénicas, contando con profesionais de teatro, profesionais de atrezzo ou mesmo bailaríns, todos eles formando un grupo de traballo capaz de poñer en escena unha obra que representarían alí mesmo ou na casa de cultura do seu barrio ou aldea. Outro exemplo pode ser o dun grupo de amigos, ós que sempre lles fixo ilusión montar unha banda de rock, pero que non teñen onde ensaiar, ou non atopan a maneira de formala porque lles falta unha vocalista, ou non atopan megafonía... Neste centro poderían poñerse en contacto con outros músicos e atopar todo o material necesario para levar adiante o seu proxecto. Outro caso pode ser o dun grupo de afeccionados ou non afeccionados á olería ós que lles gustaría facer os seus deseños e xuntarse arredor desta idea e poñela en marcha. Estas e moitas outras ideas son as que propoñemos que agromen e xeren un revulsivo cultural para que a mocidade lle dedique parte do seu tempo de ocio a estas iniciativas e á colaboración coa sociedade.

Outras cousas importantes, ó meu entender, serían achegar en moitos casos a cultura participativa á sociedade e facer que os políticos sexan máis xestores e non tan dirixistas á hora de poñer en marcha iniciativas culturais. Deberían pararse a mirar e escoitar novas propostas, esquecéndose de que en moitos casos van ter que enfrontarse a unha boa parte da sociedade, reaccia a que as súas ideas se leven á práctica.
Neste momento estamos sendo testemuñas activas do ocaso da cultura tradicional galega. Todos nós temos avós e sabemos o que eles saben, pero desaparecen e con eles vai desaparecer unha parte importante da nosa tradición, sen deixar pegada. Ó paso que imos o risco acelérase e cada día é meirande a separación incluso desta xeración de mozos e mozas coa xeración dos seus pais. Isto pódese evitar dándolle responsabilidade á xuventude, ofrecéndolles, por exemplo no referido ó deporte, non só alternativas como o fútbol, senón outros xogos tradicionais que se practicaron durante anos e hoxe están esquecidos. Este tipo de Centros de Emprendedores Culturais axudarían tamén á recuperación do noso patrimonio cultural.

No hay comentarios: